martes, 5 de abril de 2016

Tristura por velos ir!




Esta vez non pasan polo porto de Vigo e suben ó “Monte Umbe” ou ó “Santa Maria” e non levan baúl;  tan só o móbil —probabelmente de orixe chinés— un ordenador portátil e unha maletiña do xeito admitido por algunha compañia “Low Cost”,  para a que os seus pais atoparon un billete barato na internet.

Vanse silandeiramente, mesturados co viaxeiro corrente, non hai moitas bágoas no adeus, ó fin e ó cabo pénsase en volvelo a ver axiña.  A razón do lugar elexido só obedece a lóxica: estuvo alí cando lle deron a beca  “Erasmus”, ten un amigo ou amiga que lle contou é doado atopar traballo…  E vaise por unha poderosa razón:  Neste país no hai nada!

Non están na maioría das estadísticas polo que non están ben contados. Só forman parte das pequenas historias que se contan entre amigos e familiares: “Meu fillo esta en Berlín”, “Foise a Dubai”, “Miña filla esta traballando en Londres”,  “Vaiche boa! onde vai que meu fillo anda polo Nepal”,  son frases que se escoitan sen decatarse do verdadeiro sentido.

Non forman parte da emigración oficial, teñen elevado nivel de estudos e non contan co perfil propio dos emigrantes de antano. Non se sabe moi ben se son residentes no extranxeiro ou o produto da cegueira do noso país. Os cartos e esforzos das súas familia vánse con eles, todo un agasallo para os empresarios de mais alá.

Centos de ilusións e sonos botados a perder. 

Vánse en silencio e pouco a pouco

Non se trata de unha xeneración perdida  —como dí moita xente— é o fracaso dunha sociedade. Tratase dunha xeneración estragada, aínda que sexa pronto para darse conta dos danos vindeiros.

(Colaboración Xan de Xíz)


No hay comentarios:

Publicar un comentario